Lvgo Romano

Hai pouco máis de dous mil anos que a cidade de Lugo foi fundada polos romanos co nome de Lucus Augusti, sobre as estruturas dun antigo campamento militar e aproveitando as súas magníficas condicións topográficas sobre un esporón aplanado tallado polos leitos confluentes dos ríos Miño e Rato no extremo meridional da Terra Chá, así como a existencia de ricos mananciais de augas termais, necesarios para a hixiene da tropa e a convalecencia dos feridos de guerra.

 

Rematada a conquista do noroeste, despois das chamadas Guerras Cántabras (25-19 a.C.), Roma afrontou a tarefa de organizar os territorios que acababa de incorporar ao seu imperio, implantando para iso un sistema político administrativo vertebrado ao redor de tres núcleos urbanos de nova fundación: Asturica Augusta (Astorga), Bracara Augusta (Braga) e Lucus Augusti, convertidos en capitais administrativas duns distritos subordinados á provincia e denominados conventos xurídicos, e que serán o eixe vertebrador sobre o cal se asentaría o proceso romanizador do noroeste peninsular.

Na fundación da cidade non chegou a intervir persoalmente o emperador Augusto, enviando no seu lugar, como legado imperial, a Paulo Fabio Máximo, persoa da súa máxima confianza, encargándoo da fundación material da cidade de Lucus Augusti, feito que se produciría entre os anos 15 e 13 a.C., tal como testemuñan os epígrafes achados na cidade (un dos cales podemos contemplar no MIHL). De igual modo, o topónimo da cidade obedece á existencia dun templo ou santuario naturista indíxena, inicialmente Lucus, adicado ao novo culto do emperador Augusto.

A cidade planifícase adaptándose ás condicións topográficas do lugar, que terán unha gran transcendencia na súa configuración urbana; determinando a situación do foro, levantado na zona máis elevada da cidade pero desprazado do centro xeográfico da mesma; o trazado viario que, aínda que parece responder a un trazado ortogonal, non se aplicaría de forma ríxida; o abastecemento de auga, coa construción dun acueduto de captación de mananciais acuíferos, e a rede de saneamento, cun nutrido número de canalizacións que discorren, inicialmente, paralelas ás rúas e, posteriormente, soterradas baixo as calzadas; por non falar da influencia que a topografía exercerá, séculos máis tarde, sobre a construción da muralla. Por outra banda, a excelente situación da cidade permitiríalle converterse nun auténtico epicentro viario, do que arrancaban ou no que morrían varias rutas, como nos recorda o miliario conmemorativo de bronce que se ergue na rúa Armanyá, en pleno centro histórico.

Durante os tres primeiros séculos da súa existencia, a cidade coñecerá un importante pulo urbanístico que se traduce na consolidación das infraestruturas viarias, a organización dun sistema de abastecemento e saneamento de augas, a consolidación do seu centro monumental e a definición dos espazos residenciais e artesanais, coa localización ao norte e nordeste da cidade dunha importante barriada industrial, centrada na produción oleira. A importancia que adquire a cidade a comezos do século III propiciaría a súa conversión en capital dunha provincia, de escasa duración lamentablemente, denominada, non é seguro, Provincia Superior Gallaecia.

No último terzo do s. III e todo o s. IV d.C., a urbe lucense coñecerá un novo período de reformas urbanísticas, motivado fundamentalmente pola construción dun bastión defensivo. A muralla introducirá importantes cambios na fisionomía da cidade, xa que a súa construción, ao adaptarse á topografía do terreo, deixa de lado amplas zonas situadas ao SO, gañando pola contra unha estreita franxa de territorio cara ao N e NO, onde espazos antes reservados a necrópoles e á actividade artesanal quedan agora integrados na nova traza urbana.

O solpor da cidade chegaría coa súa caída na man dos suevos no fatídico día de Pascua do ano 460, segundo nos relata o bispo Hidacio de Chaves.