Arqveoloxía de Lvgo

Os primeiros datos sobre os restos arqueolóxicos da antiga Lucus Augusti aparecen no s. XVI, e posteriormente coñeceranse máis grazas sobre todo a obra de Pallares y Gayoso (Argos Divina, 1700). Será a partir do s. XIX cando se xeneralicen as noticias sobre novos achados fortuítos, como o descubrimento do afamado mosaico de Batitales (1842), e xa no s. XX, cabe destacar os estudos de destacados historiadores e eruditos locais.

O ano 1986 constitúe un punto de inflexión para a arqueoloxía e a cidade de Lugo. Todo empezou coa construción de tres aparcadoiros subterráneos no centro histórico da cidade: prazas de Sto Domingo, Ferrol e Constitución. Na praza de Sto Domingo, descóbrense os restos dunha gran domus con mosaicos e unha calzada romanas. Unha necrópole de incineración con máis de 66 enterramentos apareceu no subsolo da praza do Ferrol, xunto con tres fornos oleiros e restos do acueduto.

 

Ao mesmo tempo que se remata a escavación das prazas, en agosto do mesmo ano, acométense as escavacións dos primeiros soares privados na cidade, na rúa Armanyá, onde se descubren dous magníficos mosaicos, un deles decorado coa escena mitolóxica de Dédalo e Pasifae, permanecendo hoxe en día expostos no Museo Provincial de Lugo.

Entre 1987 e 1997 consolídase a arqueoloxía urbana en Lugo, con importantes achados, como os acuedutos da cidade, tramos de calzadas ou dun gran edificio termal, unha grande necrópole de inhumación no barrio de San Roque ou múltiples estruturas relacionadas coa cidade altoimperial no barrio de Recatelo, fora de murallas. A finais da década dos anos 90, o control arqueolóxico das obras en varias rúas do casco histórico, realizado polo Servizo Municipal de Arqueoloxía, permitirá descubrir a ubicación da gran praza pública: o foro. Anos máis tarde, no 2002, descúbrense novos vestixios do mosaico de Batitales na rúa Dr. Castro, e no barrio da Milagrosa, máis restos relacionados co acueduto romano. Durante todos estes anos tamén se realizaron importantes intervencións nos principais monumentos da cidade, como a Muralla, as Termas ou a Ponte Vella.

O ano 1997 significa un punto de inflexión para a arqueoloxía lucense coa aprobación do P.E.P.R.I. A partir desta data realízanse os primeiros proxectos de conservación in situ e visitables, como a Casa dos Mosaicos (2005), o Centro Arqueolóxico de San Roque (2007) ou a Domus do Mitreo (2013). Outra das modalidades de exposición de restos arqueolóxicos pola que se optou en Lugo, son as denominadas ventás arqueológicas, coa conservación de restos integrados na paisaxe urbana, en espazos de ámbito público (praza de Sta María, San Marcos, rúa Dr. Castro, Círculo das Artes, etc.).